Na casa de meu padriño ( 12/02/11)
O meu padriño chámase Juan Leis Lariño, e, tamén coñecido por Juan de Alonso. Para o 20 de setembro cumprirá 88 anos.
Cando a min me boutizaron, aló por xaneiro do ano 42, meus pais querían que me apadriñara meu irmán o máis vello, que daquela tiña 11 anos e tres meses, pero o cura, o Sr. Lourido, considerou que era demasiado novo para ese cometido, e na casa, tiveron que botar man dun veciño, que xa cumplira os 17 anos. (Miña madriña era miña tía Anxela, que, como estaba impedida na cama, foi substituída por miña curmá Lola da Rexidora (Dolores Lago Cubelo).
O certo é que hoxe, por variar de ruta, fixen o paseo matinal cara ao Oeste e subín pola de Pepa Juan ata as Laxas; dalí ao Campo de San Roque e baixei pola Lavandeira.
Ao pasar xunto á porta de meu padriño, estaba o seu fillo Juan no cercado, para abrirlle ao can, e, ao verme, díxome se quería falar con seu pai. Eu acepteille a oferta.
O vello, agora, xa non ve practicamente nada, e coñece ás persoas (ás veces nas identifica e dalle vergonza) pola voz.
Cando o saudei díxenlle que era aquel neno, que el levara a boutizar hai 70 anos.
Axiña se deu conta da miña identidade e estivemos falando un pouco.
Falamos do seu cumpreanos, do de Mazarocas (seu quinto, de decembro), dos anos de seu irmán Moncho, 4 anos máis novo.
Dos da súa muller, Juana de Farruca, que lle leva catro anos e xa ten 91, de Manoel da Roura, un ano máis vello que el, de María da Roura, un ano máis vella que seu irmán, etc.
Mencionouse na conversación tamén a Manolo da Buena e máis de Joaquín de Cocó, que hoxe é o máis vello de Louro. Aquel dixéralle nunha ocasión que pasear pola carretera do faro era perigoso, porque había uns "homes malos", que se adicaban a actividades ilegais e podían, ás veces, para evitar instrusos que os visen, facer algunha falcatruada.
Antes de chegar á casa do padriño saíume ao camiño o can de N. e estivo dándome a lata bastante tempo... Pregunteille outro día a unha veciña e díxome que o facía con todo o mundo, pero que o dono non lle poñía remedio. Xa tivera que matar outro, que lle mordera a máis dunha persoa.
Os cans son cans e parécense aos donos...