Paseo vespertino na véspera dos Reis Magos (05/01/12)
Onte non puden facer a regramentaria camiñata matinal e aproveitei que fun lavar o coche a Portecarral (non Porto Carral, como acostuman a dicir algúns, que viñeron de fóra da parroquia) e, feito o labor, aparquei no camiño que vai para Os Casás, frente á entrada do agro, onde estaba o antigo depósito de butano.
Collín o paraugas, para evitar sorpresas, e funme camiño dos Casás.
Pasei por Trasparedes, polo Agro que ten Pancho de Rafael con parras (aínda sen podar, como é lóxico) e baixei por Sixtos.
Ao chegar á altura do chalet que hai alí, torcín á dereita e, pasando o depósito de pedras de vellos edificios, que ten Manuel Benito, o construtor, caín no camiño que baixa por Boca de Lebre.
Do chan de Boca de Lebre cara abaixo estaban as beiras do camiño fozadas dos xabaríns.
Deixei o Chafariz á esquerda e chegeui ao Areeiro. O lago estaba baldeiro ( debeu rebentar o ingüeiro coas chuvias dos días pasados) e metinme por un camiño de pé cara ás malloeiras.
Víase a marca (lixo de todo tipo) que deixara a cóta máis alta do lago, cando estivo cheo, e, pasada a chaira vexetal fun ascendendo pouco a pouco pola branca e virxinal area das dunas.
Subín, baixei, volvín a subir e a baixar, sempre cara ao Suroeste, e chegei, por fin, ao remate das malloeiras.
Desde alí, nun altiño, contemplei como o mar rompía na praia.
Cara ao Machado había unha persoa andando pola area, que posiblemente estaba acompañada dun can, porque había pegadas dos dous nas malloeiras, aínda que ao animal non o vin, desde tan loxe.
Iniciei a volta e mirei para as cortes de Monte Louro, onde tivera a corte das ovellas miña avoa, Dolores Louro, e desde o alto dunha malloeira saqueille unha foto co móbil a miña aldea, co Oroso e Montemeán ao fondo.
Atravesei outa vez o chan da lagoa (nós pomposamente chamámoslle o "Lago de Louro") e escoitei o rebumbio da fauna acuática, cara ao Noroeste.
Ascendín polo Chafariz e Boca de Lebre.
Empezou a chover pouquiño, pero a home precavido (con paraugas) non o amola a chuvia e, por Sixtos e os Casás arriba cheguei ata onde deixara o coche.
Como o tiña virado cara abaixo, dei a volta nos Casás e rematei o meu paseo vespertino, porque en media hora tiña que estar no ensaio do orfeón "Ría de Muros", facer, logo, o do Freixo, e rematar, ás dez da noite co de "Agustín González", a Coral de Louro, que mañán, se Deus quere, terá Misa, con boutizo de por medio (da primeira neta de Salvador Mayo e Manela de Pais), e despois, como ven facendo cada ano, Concerto de Panxoliñas no Día de Reis.