23 Mayo 2012
O ano pasado, despois de preto de 20 anos facendo un Festival de Letras Galegas no Centro Social de Outes, no que actuaba a Coral "Francisco Añón" e dábase unha pequena charla sobre o persoeiro homenaxeado, decidiron non facer esa conmemoración, porque (según dixeron) tiña que actuar un grupo de teatro de San Lourenzo e, en consecuencia, o Festival sería moi longo.
Este ano, sen esa razón, ou esa desculpa, primeiro puxeron a data no domingo día 13, e despois borrárona. Ao quedar libre o director nese día, propúxoselle aos directivos da Asociación "O Peirao" que actuara a súa coral e máis a Xuvenil Solpor.
Eles aceptaron enseguida e propuxeron que tamén interviñera o Grupo de Pandereteiras "Tremuzo", pertencente á mesma asociación.
Fixéronse carteis e sinalouse o sábado, día 19, ás 19,30, como data e hora para "inaugurar culturalmente" o novo edificio do Clube Náutico, chamado tamén Edificio tricolor ou as Torres de Kio.
O certo é que o pequeno salón encheuse con algo máis de 100 persoas, que para unha parroquia coma a de Sabardes (O Freixo) non está nada mal.
O acto escomenzou cunha breve charla sobre D. Valentín Paz Andrade.
Continuou coa actuación do Grupo "Tremuzo", con dous temas, e, despois, a Coral Xuvenil Solpor interpretou Na nao do mar laranxa, con letra de Alvaro Cunqueiro, Has de cantar, con verbas de Rosalía de Castro e Unha noite no muíño, un tema popular.
Pola súa banda, a Coral de "O Peirao" ofreceulle ao público O galopín de Miguel Groba, Velai vai, de Rey Rivero e o Negra sombra de Rosalía e Montes.
Para rematar o Festival as dúas corais xuntas interpretaron un tema con letra de Paz Andrade, Cando ti volvas, e o Himno galego. E así rematou o día.
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
14 Mayo 2012
O día 13 de maio, sábado, tivo lugar no Museo do Mar de Muros (antiga fábrica de Sel) un Concerto Coral coa finalidade de recadar fondos a prol da nena boirense Paula Nieto Santos, de 21 meses.
Interviñeron nel catro agrupacións corais: o orfeón "Ría de Muros", a coral "Agustín González" de Louro, a Coral "San Xoán de Serres" e a Coral "Don Diego de Muros", que foi a organizadora do evento.
O acto comezou ás 8 da tarde e, despois dunha pequena introducción sobre os motivos do Festival e a súa xénese, iniciou o canto o orfeón "Ría de Muros" que interpretou o seguintes temas: El peregrino, Heilig, Glory Alleluia! e La despedida.
En segundo lugar, a presentadora Mª Berta García González fixo saír ao escenario á Coral "Agustín González", que ofreceu: Hasta mi final, La reina del placer, La paloma e Con sabor tropical.
Subiu despois ao estrado a Coral de Serres, cantando: Ésa é María, Al pie de una verde palmera, Torrevieja e Adiós, lucero de mis noches.
A continuación houbo unha pequena sorpresa, que consistiu na estrea dun Canto de berce (canción de cuna) composta expresamente para Paula, que interpretou a soprano noiesa Angeles Filgueira Canabal.
Finalmente, a coral organizadora fíxonos escoitar: Sobre la noche reina, Axiña vai Maruxiña, Boga, boga e a Salve rociera.
Para rematar o acto as corais intervintes cantaron todas xuntas un Padrenuesto mexicano e a Salve marinera, himno oficial da Marina Española. Por último, sorteouse un televisor, valorado en preto de 300 €, que recaeu nunha soprano de Muros (Juanita), que mercara unha morea de rifas e tiña o número 0999, o penúltimo das que se fixeron.
Despois do concerto moita xente, que estaba anotada previamente, participou nunha cea benéfica no Restaurante O Castelo (pasaban de 250 persoas) pagando un importe de 15 €, dos que 10 eran para o Restaurante e 5 para Pauiña.
Cómpre suliñar que moitas persoas deron donativos para a mesma causa antes do concerto, no concerto e durante a cea.
Grosso modo, debéronse xuntar pola cea uns 1.250 €; de donativos, arredor de 1.000; por rifas, algo máis de 700, o que fai un montante total para a conta de Paula (para sufragar os gastos do tratamento en Alemania) de máis de 3.000 €.En concreto a cantidade enviada á conta da nena ascende a 4.124 euros e aínda se están recibindo donativos, que se ingresarán próximamente.
No concerto estivo presente a Alcaldesa de Muros, Dª Caridad González Cerviño. acompañada pola Concelleira de Servizos sociais, Dª Sandra Maneiro Pais, e máis algúns familiares da nena Paula Nieto Santos, que tamén fixo acto de presencia tanto no Festival coma na cea.
Desde este pequeno sitio na rede queremos expresar o noso agradecemnto máis fondo á xente Muros pola súa contribución e xenerosidade.
Na cea participou persoal de Louro, Serres, Muros, Noia , Carnota e dalgunha localidade máis da bisbarra e de fóra dela.
Que Deus llelo pague a todos, pois fixeron unha boa obra solidaria.
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
11 Mayo 2012
Aos oito días de ver ás oito, volvín, co mesmo cometido, ao mesmo monte, pero esta vez collín, antes de chegar ao alto, por unha pista á esquerda.
Xa sen saír do camiño, fun encontrando material abondo para encher un bo saco. Esta vez non atopei ás oito, pero encontreime ao chegar ao alto cunha vista de Carnota, Lira e Fisterra, que merece a pena ver.
Divísase toda a praia de Carnota; os ríos que baixan cara ao mar; as dunas ou malloeiras, que se están a formar pola banda de Caldebarcos; ao fondo Fisterra co faro ao sur e, se miras á esquerda, Lira.
O que mellor se ve é Carnota, que parece unha postal.
Para dar volta fun un pouco máis adiante e dei marcha atrás.
Por uns centímetros non me foi o coche abaixo.Tiven que "calzalo" con pecras e máis cunha oferta a San Antonio...
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
2 Mayo 2012
O meu amigo, agricultor afeccionado el, andivera abuscar "guano" polas concentracións cuniculares, coma sempre fixera, pero desta vez somentes lle venderon (1,60 €) un saco.
O remedio para emendar a escasez de alimento vexetal decidiu ir buscalo de procedencia equina ao Monte Paxareiro.
E alá mo tedes o domingo día 29 de abril ás nove da mañán a patear o monte por unha pista no alto, que baixaba cara ao Leste.
Foi atopando algún e enchéndoo nun caldeiro, que logo valeiraba nun saco de plástico.
Cando estaba no medio da faena veu ao lonxe (uns trescentos m. máis ou menos), a un grupo delas que pacían ao soliño ventoso da mañán.
Eran oito: dúas aborralladas, dúas pardas tirando a oscuro, dúas brancas e outras dúas máis, das que unha delas era noviña, con pintas pardas e brancas.
Viñeron, sen deixar de pacer cara a onde el estaba faenando, e a primeira que se aproximou (curiosa e inconsciente ela) foi a de menos idade.
Separábaas del un pequeno regueiro e a primeira en cruzalo, despois de xogar coa testa cuns brotes de eucaliptos novos (debía ter rencios na cabeza) foi a pequena. Seguiulle unha das aborralladas, que fixo o mesmo nas matas de colitos.
Mirábano a el, que na faena recolectora foise alonxando do coche, e foron curiosear (arrecender) o que había no saco.
Houbo algún momento en que o meu amigo, só diante do perigo sentiuse, coma un toureiro, sen protección, en campo aberto. Menos mal que á man había boas pólas de pino para esquivar o posible ataque.
Ás veces, pacendo con elas está un touro, e ese tipo de facenda xa non gusta tanto tela de fronte.
O meu amigo terminou a faena sobre as dez da mañán e esta é ou foi toda a historia.
El disque non tivo medo, pero non as tiña todas consigo...
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
2 Mayo 2012
Como ven sendo tradicional, o día Primeiro de maio celébrase en Porto do Son unha xuntanza de maiores, que primeiro participan nunha misa ás 12 da mañán e, despois, nunha comida de confraternidade ás 2 da tarde.
Como tódolos anos, tamén, no primeiro dos actos intervén a Coral do Clube de Xubilados "Virxe do Carme".
Este ano a ese oficio asistiron os sacerdotes Vila Brión (D. Luis e D. Tucho) e presidiu D. José Santos Montemuíño,párroco da vila.
Ao remate da Misa, cadaquén deuse o seu paseo pola vila (bares incluídos) para facer tempo, ata entrada no Pavillón municipal de Santa Irene, onde tería lugar a comida.
Hai, por culpa do control da xente, unha certa aglomeración na entrada, pero con algo de paciencia vaise solventando a cousa.
Cando entran, os comensais son obsequiados con algún obxecto-recordo (este ano era un minibotiquín, que contiña tixeiras, esparadrapo, algodón, etc.).
Ao poñérense á mesa xa estaban colocados nela varios manxares (empanada de dúas clases, gambas cocidas, queixo, unha especie de buñuelos ou empanadillas) todo elo regado con un tinto de Castela-León e un Ribeiro (Encanto) do noso país, ademáis de auga.
Cando ninguén quixo máis (era abundante) os 20 camareiros foron traendo unha carne asada con patacas e pimentos, tamén a repetir, e posteriormente un poste frío, mui ben presentando, precedido dunhas rosquillas pequenas, pero soborosas.
Houbo asimesmo café, infusións e chupitos (augardente-branca e máis de herbas- e licor café).
O menú estivo servido polo restaurante O Congreso de Santiago de Compostela, cuns camareiros mui profesionais e eficientes.
Na sobremesa, o Sr. Alcalde, D. Luis Oujo Pouso, pronunciou enriba do palco da orquestra unhas palabras, que non se escoitaban ben claras, en parte polo eco do local e en parte porque as persoas maiores disque non oen ben e menos se o resto do persoal non está calado. A esta alocución do Sr. Alcalde seguiu outra do Conselleiro de Medio Ambiente D. Agustín Hernández Fernández de Rojas, que tiveron as mesmas características que as do rexedor.
Interviu tamén outra persoa do campo político, que non foi identificada polo cronista...
O baile, que seguiu, estivo amenizado polo Grupo "D'Cine"(pertencente a axencia de Sito Mariño, de Arzúa).
Había un organista, baixo, guitarra, batería e dous cantantes (masculino e feminina).
Escoitáronse cumbias, pasodobres,e música adecuada a idade dos asistentes.
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
29 Abril 2012
Onte, día 28 de abril de 2.012, celebrouse nos salóns da Sociedade Liceo de Noia un Encontro coral, no que participaron catro agrupacións.
O motivo de facelo é que á Coral Liceo debíanlle devolución de visita a Coral "Xan Mella" de Baio (Zas), a Coral "Endesa" de As Pontes de García Rodríguez e a Coral Xúbilo de Santiago, entre outras.
Falouse coa Sociedade e decidimos facer un Encontro Coral, co gallo ou motivo das Festas de San Marcos.
De este xeito, ás 8 da tarde, pasaron polo escenario, en primeiro lugar a Coral Xúbilo de Santiago, dirixida por D. Angel Abel Souto, a Coral "XanMella, baixo a batuta de Dª Tatiana Pankrátova, a Coral "Endesa" de As Pontes, conducida por Dª Olga Vigo e a Coral do Liceo de Noia, baixo as ordes de D. Domingo Barreiros.
A primeira delas interpretaou No niño novo do vento, Lévame, Habanera de D. Gil de Alcalá e Siyahamaba; a coral de Baio, Lela, Terra meiga, María la protuguesa e California dreamin´; a Coral Endesa fixo María soliña, Cada noite, Te quiero e Colás; mentres que a do Liceo ofreceu Habanera del Carmen (estrea), Axiña vai Maruxiña, Negra sombra e Rondó de la Jeringosa.
A presentación do acto correu a cargo do director da Coral do Liceo.
O tema Axiña vai Maruxiña foi interpretado coma homenaxe ao escritor noiés D. Xosé Agrelo Hermo, cuxo 75 aniversario de nacemento se celebrou o 10 a abril e por ese motivo a Sociedade Liceo adicoulle un número monográfico da revista Alameda.
Ao remate do concerto, a cada agrupación das forasteiras fíxoselle entrega dunha metopa da Sociedade e máis dun libro conmemorativo do 75 aniversario da fundación da Sociedade.
Despois, os compoñentes das catro corais degustaron no primeiro andar uns viños, acompañados de empanada, tortilla, patatas fritas, minibocadillos, e unha especie de bolos preñados, ademáis de unha sorte de bica, coma postre ou sobremesa, todo elo servido pola cafetería do bar do Liceo.
Finalmente, cando cada moucho empezou a voar para a súa oliveira, aínda quedaban algúns paxaros cantando a "alta la plana" no salón do convite...
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
21 Abril 2012
A casa que fixeron Juan e Fátima, ampliando a chabola de Baixo da Casa de Hermano, ten unha finca (horta) pechada con unha valla arredor, a que se pode entrar co coche por un portal, a pé por outro e polo porche desde dentro da casa, por outra porta.
A herba ou maleza, que medra na finca, vaise cortando asegún é necesario, de cando en cando, (máis a miúdo na primavera e no outono e ao revés no verán e máis no inverno, porque medra menos). O ano pasado deume Moncho Creo uns tomates, aos que lles chaman de "jabugo", porque teñen moita carne e pouca semente.
Como non tiña onde plantalos na horta da casa, púxenos apoiados contra a parede SE. no Tallo, e foron arriba apoiados nunhas varas, que descansaban sobre a valla.
Os tomates visualmente son mal feitos, pero deron bastante produción, ata que nun descuido no sulfato, xa cerca do final, deulles a peste. Na mesma parede fun sementando melóns, cabazas, melóns chinos, etc.
Na horta somentes uso un rego todo á beira da parede. Este ano pedinlle a Joaquín ( meu irmán) unha ducia e media de coles, puxen outra de acelgas, entre as que fun intercalando "puerros" e aproveitei tamén as patacas afilladas, que se ían tirar e funas sementando.
Tiven así patacas novas, das que se colleu caldeiro e medio dunha capacidade de 15 litros de auga. Con elas fixemos un par de caldeiradas de raia.
Puxen tamén nese rego da cara leste dúas ducias de repolos: unha de corazón de boi e outra do rizado.
A primeira collémola a semana pasada e levárona para Ourense a irmá de Juan (Anne) e máis o marido.
O resto comémolo nós. Tamén puxemos ceboliño, pero como non lle da moito o sol ven mui lento.
Na parede contraria, a que da ao NO. plantei cebolas das que veñen de Holanda e van indo bastante ben.
Tamén plantei allos e máis patacas, que xa collemos, prixel e máis chícharos.
Para botar estes cavei uns vinte metros cadrados frente á rampa de entrada do coche e como me fallaron moitos (non sei por que) completei os fallos con máis patacas.
Tamén puxen unhas poucas parras que non foron arriba, salvo media ducia e a ver se lle logro facer un emparradiño na parede SE, que é á que non pode ter acceso a xente desde fóra.
A petición deles (Juan e Fátima) planteilles unha figueira, unha cerdeira (cereixeira) e un limoeiro.
A primeira compreina na Serra en Agrícola Outes; a cerdeira fíxena cun esqueje das nosas e o limoeiro deumo Lamela o carpinteiro de aluminio de Lariño.
Este perdeu moita folla. A cerdeira vai indo pouco a pouco e a figueira ven coma un lóstrego.
Cando o calor apreta teño unha mangueira con auga e vou auxiliando á colleita.
Cada semana collo una mandiño de acelgas, verdura de col, que lle levo ás galiñas de Joaquín e gardo algúns ollos para lle mezclar ás acelgas; arrinco algún "puerro" e así vai a cousa entretida.
Últimamente deume Tino uns setenta e cinco pés de ceboliño e medio cento de leitugas, que iremos vixiando os caracois e máis nós.
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo
17 Abril 2012
"Cecilia" operárase na Clínica Bararquer de Barcelona (cataratas) aló polo ano 1.993.
Fixo primeiro do ollo dereito e, uns anos máis tarde, tamén do esquerdo.
Hoxe, gracias a "Dios", ve bastante ben e cada ano e pico volta a Cidade Condal para facer unha revisión.
Antigamente achegábamonos a Barcelona en coche, con parada en Madrid, pero nas tres ou catro últimas revisións fixémolo en avión.
Ás 8,30 tomamos o aparato de "Vueling" en Labacolla e, cunha hora de retraso, por mor dunha roda pinchada, no tren de aterraxe, saímos a eso das dez. Sobre as 11,30 xa estabamos en El Prat de Llobregat, despois de sobrevoar Hispania de Oeste a Leste e de ver Montserrat desde o aire.
Comemos á unha en Casa Marcelino, un Restaurante galego, que hoxendía está de capa caída pola crise (de cinco traballadores, quedou reducido a un só).
Andivemos un pouco, para facer tempo; metémonos no Corte Inglés da Diagonal (preto del vimos a Joan Laporta camiñando pola rúa) e ás tres e cuarto xa estabamos no Centro Médico.
Ás catro e cuarto chegou o Dr. Compte (xenro de Barraquer) e de alí a pouco, antes das cinco, xa estabamos fóra.
Collemos o taxi e baixamos ao aeroporto, onde fixemos tempo, camiñando pola fachada SO. durante unha media hora, despois de merendar.
Voltamos a sentarnos dentro do edificio e, antes de embarcar, fixemos outra media hora de paseo.
A Comandante de Vueling, Sra. Pérez Roldán, trasladounos a Santiago (na Viaxe de ida era o Comandante Constantiinos, creo). Chegamos á terriña sobre as 10,30 e á casa a eso das 24,00.
Outro dato que amosa a crise é o de que o taxista, que nos levou á mañán, ofreceuse para collernos en Barraquer ás 5 da tarde, como así o fixo.
Cómpre sinalar que con nós "Viaxou" tamén D. Valentín Paz Andrade, de quen repasamos a biografía para aproveitar o tempo para o Día das letras Galegas. Levamos con nós o tema del "Cando ti volvas", que aprenderán próximamente as corais Don Diego de Muros e Liceo de Noia.
Datos estatístico-económicos: Custe da viaxe: 230 €, aproximadamente. Consulta: 198 €. Taxi ida e volta: 50 €. Comida: 20 €. Merenda: 12 €. Total: 510 € ou 12 funerais máis ou menos.
servido por hortaderoura
sin comentarios
compártelo